الاثنين، ذو الحجة 23، 1426

O Khamsin, que no mar Vermello dende o sur acanea as falúas exipcias que carrexan ovellas e camelos ao mercado de Jidah onde se mesturan con milleiros de cansos romeiros.
O Kharif, que preto de Berbera no estío sopra do suroeste dende a noitiña ao mediodía facendo tolear as mociñas que de noite saen soas e sen compañía.
O Belat, que na invernía do noroeste en Doha arrefría as súas augas ostreiras onde se mergullan os bravos homes que rouban as perlas máis brancas para o senlleiro Maraxá de Baroda.
O poeirento Simún dende o sueste e o areoso Shamal dende o norte, que abrasan inclementes aos navegantes do Pérsico e aos que crían cabuxas no deserto.

الخميس، ذو القعدة 13، 1426

Dende que Sinbad marchou, o río Iadid baixa tristeiro vertendo as súas bagoas toldadas no mantelo salgado do golfo. Séntese só e repudiado, pois xa non ten a quen acompañar coa música das súas augas antes frescas e rebuldeiras.
Sari tamén o bota de menos, pero vaise afacendo a soidade, a ficar na súa esteira quecido polas raiolas do primeiro sol e a non ter que madrugar para estar axiña na porta da casa do vello mariñeiro, nesa hora temperán en que a alongada sombra da almenara da mesquita percorre lixeira o peirao ateigado de patelas, caixas e queipos dos máis variados froitos do mar ata choutar áxil nas augas mornas coma un peixe voador.

"No mar sempre hai que estar como en visita."
Al Faris Ibn Iaquim al Galizi