الخميس، ذو القعدة 13، 1426

Dende que Sinbad marchou, o río Iadid baixa tristeiro vertendo as súas bagoas toldadas no mantelo salgado do golfo. Séntese só e repudiado, pois xa non ten a quen acompañar coa música das súas augas antes frescas e rebuldeiras.
Sari tamén o bota de menos, pero vaise afacendo a soidade, a ficar na súa esteira quecido polas raiolas do primeiro sol e a non ter que madrugar para estar axiña na porta da casa do vello mariñeiro, nesa hora temperán en que a alongada sombra da almenara da mesquita percorre lixeira o peirao ateigado de patelas, caixas e queipos dos máis variados froitos do mar ata choutar áxil nas augas mornas coma un peixe voador.